Home

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 “Não tenhamos pressa, mas não percamos tempo”. José Saramago.

Quen somos

A Operación Pangono Pangono formámola un grupo de profesionais de perfil técnico (enxeñeiros, frigoristas, electricistas…) que decidimos aportar o noso gran de area para mellorar un pouco a vida dos que menos teñen. Moitos de nós dedicámonos profesionalmente á docencia como profesoras e profesores de Formación Profesional en centro públicos de Galicia.

Non somos unha ONG (nin pretendemos selo). Simplemente tratamos de cambiar un pouco o mundo no que vivimos realizando os traballos que sabemos facer. Se foramos médicos tratariamos de “amañar” ás persoas. Ao ser técnicos, temos que conformarnos con amañar as cousas, iso si, para tratar de mellorar a vida da xente.

Todos os membros da Operación Pangono Pangono realizamos o noso traballo de maneira voluntaria e deixamos a escolla das necesidades de actuación aos que mellor as coñecen, aos que levan anos traballando para reducir as desigualdades sociais e a pobreza. A nosa Operación, simplemente, escoita as necesidades de implantación ou mellora nas instalacións (electricidade, informática..) das entidades coas que colaboramos e tratamos de resolvelas co menor custo posible para a mesma. E se é posible, a custo cero.

Logo de coñecer o inmenso traballo que realiza a Fundación Esteban Vigil por todo o mundo, e concretamente no pequeno país africano de Malawi da man das Misioneras de María Mediadora, decidimos centrar os nosos esforzos e traballos en axudar a esta organización na súa loita contra a pobreza.

Na linguaxe Chichewa, a maioritaria en Malawi, “pangono pangono” podería traducirse como “pouco a pouco”.

O dito, a Operación Pangono Pangono está en marcha.

“Não tenhamos pressa, mas não percamos tempo”. José Saramago.

Operación Pangono Pangono está inscrita no rexistro provincial de asociacións de A Coruña co número 2016/020688-1ª. NIF: G70503263

Onde?

malawi-africa

Malawi é un pequeno país do sueste africano. A pesar da súa pobreza, é un dos países máis densamente poboados de África (16 millóns de persoas no 2014). O país non conta con ningunha fonte de riqueza natural (petróleo, carbón, ouro, coltán….). Paradoxicamente, esta pobreza propiciou que o país non se vira afectado por cruentas guerras no século pasado, como é o caso do seu veciño Mozambique.

Nos primeiros anos deste milenio, varios anos de seca provocaron unha baixada importante na produción de millo, alimento básico para a maioría da poboación. No ano 2005, case a metade da poboación, cinco millóns de persoas, estivo a piques de morrer a causa da fame.

Descoñécense as cifras exactas, pero Malawi é un dos países máis castigados do mundo pola SIDA. Estímanse en 600.000 os nenos que perderon a nai e/ou ao pai vítima desta enfermidade.

A pobreza do país golpea especialmente aos máis vulnerables, a infancia e as mulleres. Grazas ao esforzo realizado nos últimos anos, conseguiuse acadar unha taxa na finalización dos estudos primarios do 75%. Nos estudos de secundaria, a taxa de finalización non supera o 50%, maioritariamente homes.

Malawi está actualmente entre os 15 países máis pobres do mundo. Tres quintas partes da poboación seguen a sobrevivir con menos dun dólar ao día

Únome!!!

Os proxectos que ten en marcha a Operación Pangono Pangono están financiados a través das diferentes actividades que organiza a propia Operación, coas achegas do voluntariado e tamén grazas ás empresas colaboradoras. A Operación Pangono Pangono non solicita, e polo tanto non percibe, ningunha achega económica de institucións públicas.

Queres ti colaborar coa Operación Pangono Pangono para que o proxecto #AlumeaMalawi sexa unha realidade? Podes realizar a túa achega a través do reto que temos na plataforma de crowdfunding www.migranodearena.org. Tamén podes facer unha doazón directamente a través de PayPal ou realizando unha transferencia á conta bancaria da Operación Pangono Pangono.

Lembra que a Operación Pangono Pangono está formada unicamente por voluntarixs, que sufragan de xeito persoal todos os gastos das viaxes para a montaxe dos equipamentos. Deste xeito, o 100% da túa achega irá destinada á compra destes equipamentos. Concretamente, a túa colaboración servirá para a compra de material eléctrico para a montaxe de cinco instalacións fotovoltaicas en hospitais, residencias de estudantes e orfanatos de Malawi.

Ademais, a túa doazón pode ter premio!!! Escríbenos a operacionpangonopangono@gmail.com informándonos da túa doazón e por cada euro que achegues recibirás unha participación para o sorteo dun lote de produtos que teñen como ingrediente principal as algas, doados pola empresa colaboradora Porto Muíños (podes consultar aquí as bases do sorteo).

 

Mucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas, puede cambiar el mundo”. Eduardo Galeano.

Contacto

Podes contactar con nos a través das nosas contas de Facebook, Twitter ou Instagram. Tamén nos podes enviar un correo a:

 

 

mail