Novo proxecto en marcha.

Novo proxecto en marcha.

Xa fai máis dun mes que regresamos de Malawi. Xa estamos outra vez envoltos no noso día a día, nas nosas rutinas e preocupacións que absorben a práctica totalidade do noso tempo e enerxía. Pero seguimos Pangono Pangono, pouco a pouco, dándolle forma ao proxecto que traemos na cabeza logo da última visita a Malawi, a instalación dun sistema de bombeo de agua alimentado por enerxía solar.

A misión de Chezi conta cunha serie de pozos  para o seu abastecemento de auga. Esta auga é usada tanto para o consumo dos nenos e persoal de Chezi como para o sistema de irrigación da horta que se atopa dentro da propia misión. En contra do que pode parecer, non hai problemas de subministro de auga cos pozos en Chezi, incluso na época de seca. Os pozos cos que conta actualmente Chezi garanten o subministro de auga durante todo o ano.

O principal problema está no subministro eléctrico. O sistema eléctrico de Malawi é moi precario e provoca continuos cortes no subministro. Posto que as bombas de auga dos pozos de Chezi son eléctricas, cando falta a electricidade provoca tamén a perda na dispoñibilidade de agua. O habitual é que os cortes de electricidade non se prolonguen por máis dunhas cantas horas pero teñen chegado a ser cortes de varios días seguidos.

Para tratar de evitar que o corte no subministro eléctrico provoque o corte inmediato no subministro de agua, a misión conta cuns depósitos de auga montados sobre unhas estruturas metálicas. O problema reside en que estes depósitos unicamente garanten o subministro de auga para pouco máis dun día polo que se o corte de electricidade supera as 24 horas a misión queda tamén sen subministro de auga.

A substitución dalgunha bomba de pozo das actualmente instaladas por outra bomba que poida ser alimentada por placas solares fotovoltaicas garantiría á misión de Chezi un abastecemento de auga os 365 días do ano, independentemente do subministro eléctrico exterior. Dependería unicamente do sol e, afortunadamente, o sol brilla con intensidade en Malawi incluso na época de choivas.

Pero a garantía no abastecemento de auga para a misión non sería a única vantaxe. O prezo da electricidade, ao igual que o resto de combustibles, ten un prezo similar en Malawi que no noso país. A instalación de placas solares fotovoltaicas para alimentar o sistema de bombeo carrexaría un aforro moi importante na factura eléctrica da misión.

Outra vantaxe importante deste sistema é a súa sinxeleza técnica. O sistema de bombeo solar consta unicamente de tres elementos: Placas fotovoltaicas, bomba de auga universal AC/DC e un sistema de control (niveis). Non precisa nin sistema de baterías nin de inversores de corrente continua a corrente alterna, elementos relativamente caros e problemáticos no seu mantemento. O sistema sería dunha sinxeleza extrema. E xa se sabe. Se é sinxelo e funciona, dobremente bo!!! Neste tipo de instalacións a sinxeleza técnica e de mantemento é unha premisa básica para garantir o seu funcionamento continuado ao longo de varios anos.

Estamos aínda nunha fase inicial do proxecto pero xa estamos a concretar as necesidades de material, loxísticas e económicas para poder levar a cabo o mesmo. Polo de pronto, xa iniciamos os trámites para que a Operación Pangono Pangono se converta nunha asociación inscrita no rexistro oficial de asociacións da Xunta de Galicia e que nos permita abordar proxectos de certa envergadura como o que nos traemos entre mans.

Xa vos iremos contando a evolución da Operación e coma sempre, moitas grazas polo voso interese e apoio.

Ricardo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *