Concerto de JUEGO SUCIO en apoio ao proxecto #miniVAN_Area49

Concerto de JUEGO SUCIO en apoio ao proxecto #miniVAN_Area49

Seguimos coas actividades en apoio ao proxecto da miniVAN para as mozas da residencia Amai María de Lilongwe e esta vez contamos co grupo de rock coruñés Juego Sucio, que ofrecerá un concerto o venres, 7 de xuño, no Bitácora de Santa Cristina.

As entradas para o concerto pódense adquirir na plataforma Eventbrite ou na cafetería da Universidade Laboral de Culleredo.

Merca aquí as túas entradas

Queremos agradecerlle a Joaquín, guitarrista de Juego Sucio, o seu apoio ao proxecto encargándose da organización do evento, así como ao Bitácora por acollernos para a celebración do concerto a prol do proxecto #miniVAN_Area49.

Non podedes faltar!! Diversión, espectáculo e boa compañía asegurados, e aínda por riba por unha boa causa… non pode haber plan mellor ;-))

Vémonos o 7 de xuño no Bitácora!!

#rock&miniVAn #diversion #asegurada

Aí seguimos, Pangono Pangono, cun novo proxecto: #miniVAN_Area49.

Aí seguimos, Pangono Pangono, cun novo proxecto: #miniVAN_Area49.

Revisando estes días a nosa web e as nosas redes sorpréndenos descubrir o tempo que estivemos “desaparecid@s”, e máis nestes tempos nos que hai que ser case todos os días #trendingtopic para ser “alguén” en Internet, ou simplemente para seguir existindo.

Pois a verdade é que aí seguimos, Pangono Pangono, coas nosas teimas e os nosos proxectos. A pandemia parou o mundo e os nosos desprazamentos a Malawi pero non foi quen de parar a nosa ansia de facer unha pequena achega da xente pequena, como diría Galeano, para (tratar de) cambiar o mundo.

Hai que dicir que a pandemia, xunto con outras circunstancias, pausaron polo de agora un proxecto que tiñamos xa en mente desde hai tempo e que esperamos recuperar en canto poidamos orientar as velas da Operación Pangono Pangono de xeito axeitado á dirección do vento. Iso si, serviron as manobras de trimado das velas para que aparecera outro proxecto distinto ao inicialmente previsto. Xa o dicía Einstein, “A vida é como andar en bicicleta. Para conservar o equilibrio debes manterte en movemento”.

E co movemento apareceron de novo anteriores amizades colaboradoras como son Nomadas Motorhome para propoñernos o seu apoio nun proxecto diferente para axudar a quen máis o necesita: as mozas estudantes de Malawi que se esforzan cada día en avanzar na súa educación a pesar do forte vento que sopra en contra delas e que non permite acabar coa discriminación das mulleres en África.

Así xurdiu o proxecto que agora mesmo tratamos de levar a cabo. Algo tan básico como dispor dun MiniBus (MiniVan) para que permita ás mozas estudantes da residencia Amai Maria da Area 49 de Lilongwe, capital de Malawi, desprazarse ás súas escolas para poder seguir estudando e escapar polos seus propios medios da discriminación que están a sufrir. Xa o dicía Mercedes Arbesú, nai superiora das Misioneiras de María Mediadora, “El futuro de África está en manos de sus mujeres, aunque ellas no lo sepan”.

A residencia Amai Maria, xestionada polas Misioneiras de María Mediadora, ofrécelle a 70 mozas malawianas a posibilidade de continuar os seus estudos secundarios e universitarios na capital do país. Grazas á residencia de mozas estudantes da Area 49 de Lilongwe, estas mozas teñen a oportunidade de seguir a formarse nun país como é Malawi, no que non é nada doado que as mulleres continúen cos seus estudos de secundaria ou universitarios.

Cada día as estudantes teñen que desprazarse desde a residencia Amai María ás distintas escolas e universidades ás que asisten, repartidas por distintas Areas (barrios) da cidade. O transporte público en Lilongwe é moi precario e realízase en “Matolas” (camionetas de cabina aberta) ou “MiniVans” (Minibuses) privadas, sempre moi ateigadas de xente. De feito, as MiniVans e as Matolas non teñen horarios fixos, xa que non comezan o traxecto/ruta ata que se ocupan todas as prazas, e poden deterse en calquera lugar á espera de ter suficientes pasaxeiras e pasaxeiros que fagan que o desprazamento sexa rendible. O acoso ás mulleres é habitual no transporte compartido de Lilongwe.

Matola e MiniVan nos arredores de Lilongwe.

Dotar a residencia de mozas estudantes Amai Maria da Área 49 de Lilongwe dunha MiniVan propia, vai permitir a estas estudantes un desprazamento máis seguro ás súas respectivas escolas sen ter que compartir o vehículo, evitando por unha parte o acoso que sofren as estudantes nos MiniBuses de uso compartido e tamén permitindo adaptar os horarios dos desprazamentos ao seu horario escolar, o que diminuiría o absentismo escolar das estudantes.

Se queres apoiar o proxecto #miniVAN_Area49 temos un crowdfunding aberto na plataforma migranodearena. A túa achega, por pequena que sexa, servirá para acadar os fondos suficientes para a compra da MiniVan para as mozas estudantes da residencia da Area49.

Tamén queremos pedir a vosa axuda para dar a coñecer o noso proxecto, ben sexa a través das redes sociais, Instagram, Facebook ou X, ou mellor aínda, compartíndoo persoalmente cunha amiga ou amigo tomando un café ou dando un paseo.

Moitas grazas polo voso apoio!!

Despois do #BlackFriday e o #CyberMonday….

Despois do #BlackFriday e o #CyberMonday….

….vén o #GivingTuesday. E en 30 días, nin un máis nin un menos, estaremos de novo camiño cara a Malawi. O regreso a Malawi parecíanos moi distante cando aló no verán do 2017, durante a nosa última visita a Malawi, cando a familia OHANA nos «encargou» a montaxe dunha instalación fotovoltaica para o Hospital de Chezi.

Pero camiñando, pangono pangono, despois de moito traballo, moito tempo investido e moito esforzo, chegamos até aquí, coa ilusión de montar non só a instalación solar «encargada» inicialmente, senón outras catro instalacións máis. Queremos aproveitar o tempo que esteamos alí para mellorarlles, no posible, a súa autonomía eléctrica, xa que lonxe de mellorar a subministración eléctrica en Malawi, dinnos as Misioneras de María Mediadora que os blackouts (apagóns) son cada vez máis longos e frecuentes.

Grazas á colaboración da empresa Nómadas Motorhome, da comunidade do IES Universidade Laboral e de Industrias Cárnicas Domínguez, puidemos enviar a Malawi 26 placas fotovoltaicas e 20 baterías no mes de xullo, mais para poder realizar as cinco instalacións previstas aínda precisamos mercar máis material e así poder completar as montaxes.

Aproveitando o #GivingTuesday, lanzamos en migranodearena.com unha campaña de crowdfunding (micromecenado) para mercar este «pequeno» material eléctrico que nos falta para a montaxe das cinco instalacións.

Ademais, polo camiño sumóuesonos como colaborador Porto Muiños. E queremos agradecerche de antemán a túa colaboración para acadar o noso reto #AlumeaMalawi. Escríbenos a operacionpangonopangono@gmail.com informándonos da túa doazón e por cada euro que achegues ao reto recibirás unha participación para o sorteo dun lote de produtos que teñen como ingrediente principal as algas, doados pola nova empresa colaboradora Porto Muíños.

«Mucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas, puede cambiar el mundo”. Eduardo Galeano.

#OperaciónPangonoPangono2018

#OperaciónPangonoPangono2018

Ola de novo, Pangonos!!

Pangono Pangono, seguimos a desenvolver a Operación para este ano. O coñecido poema Caminante no hay camino…, que escribiu Machado e que tan ben interpretou Serrat, podería servir para definir perfectamente como transcorreu até o de agora a Operación deste ano.

A semente da #OperaciónPangonoPangono2018: a asociación OHANA. Xa vos temos falado desta familia de dentistas cataláns, que logo de coincidir con eles o pasado verán en Chezi, encargáronnos a montaxe dunha instalación solar fotovoltaica para o hospital de Chezi. Querían agradecer ás Misioneras de María Mediadora a hospitalidade recibida nas dúas semanas que estiveron a traballar a reo amañando as dentaduras dos habitantes da rexión de Chezi.

Xa que estabamos en camiño, e como non iamos facer a viaxe para montar unha única instalación, lanzámonos a tratar de conseguir o financiamento doutra instalación solar para a residencia de mozas estudantes da Area49 de Lilongwe, a pesar de que os nosos proxectos soen ser a dous anos.

Iniciado o camiño, volvemos a contar co apoio de Nómadas Motorhome, da comunidade do IES Universidade Laboral e de Llamarada de Fuego, ademais de nov@s Pangonos que se sumaron nesta nova ruta emprendida.

Logo de varias conversas con OHANA e o resto de colaboracións no proxecto, vimos a posibilidade de realizar a montaxe, non de dúas, senón tres instalacións!! (esta última para o Hospital de Mlale). Aínda que nos falta parte do equipamento por mercar, esperabamos poder xuntar o financiamento de aquí ao Nadal, que é cando agardamos ir realizar as montaxes a Malawi.

Como vedes, a #OperaciónPangonoPangono2018 é un claro exemplo de que «…, se hace camino al andar«. Neste caso, da colaboración da OHANA coa Operación Pangono Pangono van saír tres instalación fotovoltaicas para tratar de facer máis levadeiros os continuos cortes no subministro eléctrico que sofre a xente en Malawi.

Co financiamento dispoñible até ese momento, e algo que lle achegamos os voluntarios e as voluntarias da Operación Pangono Pangono, mercamos o material «pesado» para poder cargalo no contedor que enviou para Malawi Llamarada de Fuego a finais do pasado mes de xullo.

Pero que pasou na ruta?? Comentámoslle ás Misioneras de María Mediadora cales eran os plans do noso proxecto para este ano e pareceulles estupendo, pero… coñecida a boa nova, querían pedirnos outro favor. Acababan de recibir unha doazón e querían investila para montar outra instalación en Chezi, ou para os talleres de costura e gardería ou para a súa vivenda. Así, cando xa o camiño parecía pechado, sumamos 2.300 € para a compra de máis material.

Unha instalación fotovoltaica relativamente sinxela, como calquera das que pretendemos montar en Malawi, ten un custo aproximado en material de 5.000 €, dependendo do número de placas a instalar e da capacidade das baterías. Evidentemente, a doazón recibida polas Misioneras non cubre nin a metade destes custos pero…., como dicir que non!!!! A toda présa, posto que o contedor estaba a piques de partir para Malawi, encargamos máis placas solares e baterías para enviar no contedor. En total, enviamos cara Malawi 26 placas solares e 20 baterías, que dependendo da combinacións que fagamos, dan para catro ou cinco instalacións. En canto aos inversores, elementos relativamente custosos pero claves nunha instalación solar fotovoltaica, enviamos polo momento dúas unidades.

Xa vedes, da instalación inicial prevista pasamos a catro ou cinco, que imos ter que instalar nas dúas semanas que temos previsto pasar neste Nadal en Malawi.

Agora toca seguir o camiño, esta vez centrado en acadar o financiamento para o material que falta. Esperamos que aparezan máis interseccións que sumen á #OperaciónPangonoPangono2018.

Seguiremos informando…

… e pedindo a vosa colaboración.

Grazas, Pangonos!!

II Ruta Nómadas Solidari@s

II Ruta Nómadas Solidari@s

Grazas á colaboración da empresa Nómadas Motorhome, organizamos a II Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidari@s por vilas e enclaves da Costa da Morte. Esta II Ruta Solidaria celebrarase a última fin de semana de maio, con saída o venres 25 de Carballo, collendo ruta cara Muros o sábado 26, para rematar o domingo 27 na praia pontecesán de Balarés.

O recadado na ruta vai ser destinado á compra de material para realizar unha nova instalación solar fotovoltaica noutra das edificacións da residencia para mozas estudantes “Amai María”, que teñen as Misioneras de María Mediadora en Lilongwe, capital de Malawi. Tamén temos previsto aproveitar a viaxe a Malawi para realizar outra instalación fotovoltaica no Hospital de Chezi, esta vez grazas ao patrocinio da Asociación Ohana.

Este é o plan completo da II Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidar@s:

Venres 25. Concentración das autocaravanas ás 20:00 h nas novas instalacións que Nómadas Motorhome inauguran no polígono de Bértoa (Carballo). Logo dun aperitivo, as autocaravanas dirixiranse á praia de Razo a pasar á noite.

Sábado 26. Almorzo na praia de Razo. Ao mediodía, ruta cara Muros para comer na propia vila muradá. Repetiremos a parada do ano pasado no Camping A Vouga, moi preto da praia de Louro, para cear e pasar a noite do sábado.

Domingo 27. Almorzo no Camping A Vouga. Ruta pola costa para facer parada na praia pontecesán de Balarés con xantar no piñeiral da praia. A tarde realizarase unha ruta a pé polo estuario do Anllóns.

Prezo por adulto: 100€

Nen@s de 6 a 12 anos: 50 €

Menores de 6 anos: de balde

O prezo inclúe: as comidas da ruta e uso das instalacións no camping colaborador A Vouga.

Non inclúe: aluguer da autocaravana.

Tamén é posible apuntarse a algunha das comidas ou ceas que se celebran na ruta sen necesidade de realizar a ruta completa. Neste caso, o prezo é de 20 € por persoa (nen@s 10 €).

Se queres unirte a esta II Ruta Nómadas Solidari@s, contacta con nós a través do noso correo electrónico ou por medio dalgunha das nosas redes sociais: Facebook, Instagram ou Twitter.

Moitas grazas de novo á empresa Nómadas Motorhome polo seu patrocinio, así como ao Camping A Vouga (Louro) e aos concellos de Carballo, Muros e Ponteceso pola súa colaboración.

Xa vos iremos contando nas nosas redes sociais como se desenvolve esta II Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidari@s.

A primeira vista…

A primeira vista…

Xa estamos de volta. Foron tres semanas as que pasamos en Malawi que nos deixaron moitas historias que contar e pouco tempo para escribilas. Esta é unha delas que, coma case sempre, pon de manifesto que as cousas non son como aparentan a primeira vista, que fai falta «pisar o terreo», repousar, mirar con calma e tratar de empatizar coas persoas… e aínda así sempre hai matices que a un lle escapan, que son precisamente os que amosan a realidade das cousas.

Nunha das instalacións nas que estivemos traballando, axudábannos dous operarios malauianos con traballo fixo. Supoñamos que un se chama Agogo e o outro Mnyamata.

Agogo está sempre de pé. Pero sempre nunha parede onde pousa as mans e o lombo. A primeira hora válelle calquera. A partir das nove e media, cando o sol empeza a apertar, ten que ser unha parede á sombra.

Mnyamata está sempre activo. Non fai falta pedirlle axuda. Antes que te deas de conta, xa gabeou ata arriba da torre, e dáche na man o trade e a chave de tubo que xusto agora precisabas. E sempre de bo humor, entre sorrisos e bromas. Como unha broma máis, empezou preguntando o nome das ferramentas en castelán. Ta-ra-do. Ta-la-do. Ta-la-dro. Pronto vimos que ía apuntando ese vocabulario técnico nunha cuartilla. Ao día seguinte contounos que tiña proxectado viaxar a España.

Confirmamos, pois, o que xa sabiamos: que son as persoas emprendedoras, as de máis iniciativa, as que buscan un futuro mellor lonxe do seu continente, deixando África a escuras. A única novidade foi que esta vez comprobamos esta realidade dende o punto de orixe.

Fin?

Un día despois de escribir o texto anterior, persoas moi achegadas aos dous operarios, dixéronnos que Agogo conseguiu recentemente, por fin, manter un estado de saúde estable, aínda que precario, despois de anos tratándose contra a sida. E que Mnyamata quere ir a España a formarse, só por unha temporada, que nin se lle pasa pola cabeza afastarse moito tempo da súa muller e das súas fillas, unha delas un bebé de pouco máis de quince días.

Oxalá o futuro de África teña a mesma luz que este último parágrafo e que os futuros Agogos ou Mnymatas da foto pasen a formar parte dun futuro mellor para este continente.

Fernando.

I Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidari@s

I Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidari@s

Esta fin de semana celebramos a I Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidari@s. Grazas á colaboración dos nosos amigos de Nómadas Motorhome, foi posible organizar en pouco tempo esta I Ruta Solidaria. O recadado na ruta vai ser destinado á instalación este verán dun sistema solar fotovoltaico na residencia para mozas estudantes «Amai María» que teñen as Misioneras de María Mediadora en Lilongwe, a capital de Malawi.

O sábado día 17 de xuño, as autocaravanas participantes concentraranse ao mediodía na praza do Concello de Carballo. Arredor das 16:00 h está previsto que as autocaravanas se dirixan cara a Muros para facer noite no camping A Vouga de dito concello.

O domingo 18 á mañá seguirase ruta por vilas da Costa da Morte, facendo parada ao mediodía no paseo marítimo da vila de Camariñas.

Moitas grazas de novo á empresa Nómadas Motorhome polo seu patrocinio, así como ao Camping A Vouga (Louro) e aos concellos de Carballo, Muros e Camariñas pola súa colaboración.

Xa vos iremos contando como se desenvolve esta I Ruta de Autocaravanas Nómadas Solidari@s.

Seguimos!!

Seguimos!!

Ás veces costa crelo pero xa pasou máis de ano e medio dende que empezamos co proxecto de bombeo solar para Malawi. Vista a necesidade había que darlle forma ao proxecto. E a pesar da sinxeleza e modestia do mesmo, non podería ser levado a cabo sen a axuda de moita xente, empezando pola comunidade da Universidade Laboral de Culleredo que apoiou o proxecto dende o principio e rematando polos amigos da asociación Llamarada de Fuego que nos van a levar o material a Malawi para a súa montaxe neste verán.

Polo camiño, novos voluntarios que se uniron á Operación Pangono Pangono e que grazas ao seu traballo e achegas fixeron posible que o material para instalar a bomba de auga alimentada por enerxía solar xa estea camiño de Malawi, coa esperanza e ilusión que coa súa montaxe faga a vida un pouquiño máis fácil ás nenas e nenos de Chezi.

Nos seguimos, Pangono Pangono, tratando de poñer en marcha novos proxectos que se poidan realizar aproveitando a viaxe para a montaxe do sistema de bombeo solar e que axuden ás misioneiras de María Mediadora no seu traballo cos nen@s e persoas máis desfavorecidas de Malawi.

Mulleres, nais… futuro.

Mulleres, nais… futuro.

Onte, 14 de outubro, foi o día da nai en Malawi. Aproveita Mercedes Arbesu este día para contar no seu blog a historia dunha nai que, como moitas outras en Malawi, falece no parto. Tamén nos volve lembrar Mercedes a vida que lles tocou vivir a moitas mulleres en moitos lugares do mundo. A situación da muller en sociedades como a nosa ten moito, moito que mellorar, pero noutros lugares non é que teña que cambiar. Simplemente, haille que dar a volta á tixola.

O futuro (mellor) de África está nas mans das mulleres. É preciso o empoderamento da muller, e a mellor ferramenta para isto é a educación. E niso están dende fai moito tempo mulleres fortes (valla a redundancia) como Mercedes, Victoria, Perfilia, Joolly, Shilpa… e moitas outras Misioneiras de María Mediadora, traballando para que as mulleres malawianas teñan a capacidade de cambiar as súas vidas e, de paso, variar o rumbo dun continente enteiro.

De cando en vez é preciso lembrar polo que nos movemos na Operación Pangono Pangono. Ofrecer unha pequena axuda a unhas mulleres empeñadas, a pesar das adversidades, en cambiar o destino dun continente axudando, á vez, a que as nenas e mulleres deste pequeno país africano poidan saír da situación de discriminación e pobreza na que se atopan.

Aproveito e déixovos unha entrevista realizada a Mercedes o mes pasado, nas súas pequenas (e ben merecidas) vacacións en España. Tiven a sorte de coincidir con ela en Madrid. Mercedes, ademais de ser unha gran muller, é unha gran conversadora. Foi un auténtico pracer poder compartir un café con ela, aínda que foran soamente un par de horiñas de conversa. Quedamos en volvernos ver este verán en Malawi. Xa nos tarda en chegar.

Ricardo.

Parabéns especiais.

Parabéns especiais.

Xa fai un tempo que non aparecemos polo blog. O traballo, a rutina, los quehaceres diarios… as veces o envolven a un nunha onda que parece que saír a tomar algo de aire fresco é misión case imposible. De vez en cando fai falta que veña alguén a lembrarnos a razón pola que un día decidimos poñer en marcha a noso proxecto, a nosa Operación Pangono Pangono.

Queremos aproveitar precisamente hoxe, o día do seu aniversario, para recomendarvos que vos deades unha volta polo blog de Mercedes Arbesú, «El silencio del baobab». Mercedes é unha asturiana decidida a cambiar, co seu traballo e tesón,  o senfuturo que o destino parecía ter fixado para moitas mozas malawianas. Mercedes está ao fronte da residencia da Area 49 «Amai María», un lugar onde unhas mozas malawianas que tiveron a sorte de ser acollidas na residencia da Area 49, poden continuar cos seus estudios de secundaria na capital de Malawi, Lilongwe, e ter a oportunidade de acabar coa dependencia masculina que viven condenadas aínda a maioría das mulleres de Malawi.

Coñecer en primeira persoa a situación de absoluta dependencia que viven as mulleres en moitos países do mundo o levan a un ao convencemento de que se se quere romper co círculo da pobreza é indispensable dotar ás mulleres de poder e independencia. A educación é, sen dúbida, a mellor arma das que se lle pode dotar. Nesta batalla está Mercedes, que gracias ao seu traballo e das súas compañeiras da Area 49, están a dar a oportunidade dunha nova vida ás rapazas que alí viven.

Parabéns neste día, Mercedes. E moito ánimo co voso traballo!!

Nos seguimos, Pangono Pangono, cos nosos proxectos. Pronto contamos poder darvos novidades do proxecto de bombeo solar que temos en marcha e doutras accións de colaboración que estamos a levar a cabo co equipo da biblioteca do IES Universidade Laboral.

Un saúdo.

Ricardo.

blog_mercedes