Xa estamos de volta. Foron tres semanas as que pasamos en Malawi que nos deixaron moitas historias que contar e pouco tempo para escribilas. Esta é unha delas que, coma case sempre, pon de manifesto que as cousas non son como aparentan a primeira vista, que fai falta «pisar o terreo», repousar, mirar con calma e tratar de empatizar coas persoas… e aínda así sempre hai matices que a un lle escapan, que son precisamente os que amosan a realidade das cousas.
Nunha das instalacións nas que estivemos traballando, axudábannos dous operarios malauianos con traballo fixo. Supoñamos que un se chama Agogo e o outro Mnyamata.
Agogo está sempre de pé. Pero sempre nunha parede onde pousa as mans e o lombo. A primeira hora válelle calquera. A partir das nove e media, cando o sol empeza a apertar, ten que ser unha parede á sombra.
Mnyamata está sempre activo. Non fai falta pedirlle axuda. Antes que te deas de conta, xa gabeou ata arriba da torre, e dáche na man o trade e a chave de tubo que xusto agora precisabas. E sempre de bo humor, entre sorrisos e bromas. Como unha broma máis, empezou preguntando o nome das ferramentas en castelán. Ta-ra-do. Ta-la-do. Ta-la-dro. Pronto vimos que ía apuntando ese vocabulario técnico nunha cuartilla. Ao día seguinte contounos que tiña proxectado viaxar a España.
Confirmamos, pois, o que xa sabiamos: que son as persoas emprendedoras, as de máis iniciativa, as que buscan un futuro mellor lonxe do seu continente, deixando África a escuras. A única novidade foi que esta vez comprobamos esta realidade dende o punto de orixe.
Fin?
Un día despois de escribir o texto anterior, persoas moi achegadas aos dous operarios, dixéronnos que Agogo conseguiu recentemente, por fin, manter un estado de saúde estable, aínda que precario, despois de anos tratándose contra a sida. E que Mnyamata quere ir a España a formarse, só por unha temporada, que nin se lle pasa pola cabeza afastarse moito tempo da súa muller e das súas fillas, unha delas un bebé de pouco máis de quince días.
Oxalá o futuro de África teña a mesma luz que este último parágrafo e que os futuros Agogos ou Mnymatas da foto pasen a formar parte dun futuro mellor para este continente.
Fernando.