Aí seguimos, Pangono Pangono, cun novo proxecto: #miniVAN_Area49.

Aí seguimos, Pangono Pangono, cun novo proxecto: #miniVAN_Area49.

Revisando estes días a nosa web e as nosas redes sorpréndenos descubrir o tempo que estivemos “desaparecid@s”, e máis nestes tempos nos que hai que ser case todos os días #trendingtopic para ser “alguén” en Internet, ou simplemente para seguir existindo.

Pois a verdade é que aí seguimos, Pangono Pangono, coas nosas teimas e os nosos proxectos. A pandemia parou o mundo e os nosos desprazamentos a Malawi pero non foi quen de parar a nosa ansia de facer unha pequena achega da xente pequena, como diría Galeano, para (tratar de) cambiar o mundo.

Hai que dicir que a pandemia, xunto con outras circunstancias, pausaron polo de agora un proxecto que tiñamos xa en mente desde hai tempo e que esperamos recuperar en canto poidamos orientar as velas da Operación Pangono Pangono de xeito axeitado á dirección do vento. Iso si, serviron as manobras de trimado das velas para que aparecera outro proxecto distinto ao inicialmente previsto. Xa o dicía Einstein, “A vida é como andar en bicicleta. Para conservar o equilibrio debes manterte en movemento”.

E co movemento apareceron de novo anteriores amizades colaboradoras como son Nomadas Motorhome para propoñernos o seu apoio nun proxecto diferente para axudar a quen máis o necesita: as mozas estudantes de Malawi que se esforzan cada día en avanzar na súa educación a pesar do forte vento que sopra en contra delas e que non permite acabar coa discriminación das mulleres en África.

Así xurdiu o proxecto que agora mesmo tratamos de levar a cabo. Algo tan básico como dispor dun MiniBus (MiniVan) para que permita ás mozas estudantes da residencia Amai Maria da Area 49 de Lilongwe, capital de Malawi, desprazarse ás súas escolas para poder seguir estudando e escapar polos seus propios medios da discriminación que están a sufrir. Xa o dicía Mercedes Arbesú, nai superiora das Misioneiras de María Mediadora, “El futuro de África está en manos de sus mujeres, aunque ellas no lo sepan”.

A residencia Amai Maria, xestionada polas Misioneiras de María Mediadora, ofrécelle a 70 mozas malawianas a posibilidade de continuar os seus estudos secundarios e universitarios na capital do país. Grazas á residencia de mozas estudantes da Area 49 de Lilongwe, estas mozas teñen a oportunidade de seguir a formarse nun país como é Malawi, no que non é nada doado que as mulleres continúen cos seus estudos de secundaria ou universitarios.

Cada día as estudantes teñen que desprazarse desde a residencia Amai María ás distintas escolas e universidades ás que asisten, repartidas por distintas Areas (barrios) da cidade. O transporte público en Lilongwe é moi precario e realízase en “Matolas” (camionetas de cabina aberta) ou “MiniVans” (Minibuses) privadas, sempre moi ateigadas de xente. De feito, as MiniVans e as Matolas non teñen horarios fixos, xa que non comezan o traxecto/ruta ata que se ocupan todas as prazas, e poden deterse en calquera lugar á espera de ter suficientes pasaxeiras e pasaxeiros que fagan que o desprazamento sexa rendible. O acoso ás mulleres é habitual no transporte compartido de Lilongwe.

Matola e MiniVan nos arredores de Lilongwe.

Dotar a residencia de mozas estudantes Amai Maria da Área 49 de Lilongwe dunha MiniVan propia, vai permitir a estas estudantes un desprazamento máis seguro ás súas respectivas escolas sen ter que compartir o vehículo, evitando por unha parte o acoso que sofren as estudantes nos MiniBuses de uso compartido e tamén permitindo adaptar os horarios dos desprazamentos ao seu horario escolar, o que diminuiría o absentismo escolar das estudantes.

Se queres apoiar o proxecto #miniVAN_Area49 temos un crowdfunding aberto na plataforma migranodearena. A túa achega, por pequena que sexa, servirá para acadar os fondos suficientes para a compra da MiniVan para as mozas estudantes da residencia da Area49.

Tamén queremos pedir a vosa axuda para dar a coñecer o noso proxecto, ben sexa a través das redes sociais, Instagram, Facebook ou X, ou mellor aínda, compartíndoo persoalmente cunha amiga ou amigo tomando un café ou dando un paseo.

Moitas grazas polo voso apoio!!