Pouco máis dunha semana dende a nosa chegada a Malawi pero parece que fai moito máis tempo. A verdade foi unha semana moi intensa, un non parar. Soamente dispoñemos de dúas semanas e temos que tratar de aproveitalas o máximo posible.
Dende a nosa última viaxe a Malawi, no Nadal do 2008, notamos bastantes cambios no país. Percibimos, en xeral, que a situación social e económica do país non foi a peor. A pobreza, se ben segue a ser extrema, parece que non é tan crítica coma fai seis anos. Polo que nos comentan as misioneiras de Chezi, mellorouse o acceso á medicación para o tratamento do VIH e as embarazadas portadoras dispoñen agora da medicación para evitar que se transmita a enfermidade ao bebé. Nun dos países coa taxa de SIDA máis alta do mundo esta é unha excelente noticia.
Pola contra, séguese a deforestar o país rapidamente. A leña e o carbón que das árbores se extrae, segue a ser o principal combustible para a poboación do país para cociñar, facendo que a presión sobre os bosques de Malawi siga a medrar. A poboación de Malawi non parou de medrar, debendo estar na actualidade nos 15 millóns de habitantes, facendo do país un dos máis densamente poboados de África. Reduciuse claramente nos últimos anos o número de fillos por familia, pero esta redución non impide que a poboación do país siga a medrar.
Con respecto a Chezi e ás misioneiras, foi unha tremenda alegría volver a coincidir con moitas delas. Houbo moitos cambios nos últimos anos pero o espírito e o tesón no traballo das Misioneiras de María Mediadora segue a ser o mesmo. A pesar das grandes dificultades que se atopan no desenvolvemento do seu traballo, segue a ser admirable como cada día pelexan para mellorar a vida dos máis desfavorecidos do país.
En relación ao noso traballo seguimos “Pangono Pangono”. Cremos que atopamos a maneira de mellorar a conexión a internet en Chezi coa utilización de routers 3G e antenas para mellorar o sinal, pero os continuos cortes na electricidade impedíronnos probar os equipos en condicións ata hoxe. O que xa nos deu tempo foi a montar un extractor de aire no pavillón de actividades de Chezi.
Este pavillón é utilizado para as actividades dos nenos, chegando a xuntarse no seu interior os 400 nenos da misión de Chezi. Posto que o sistema de renovación de aire non era moi bo, no seu interior alcanzábanse altas temperaturas. Cambiamos a idea inicial de montar extractores eléctricos e optamos pola instalación de extractores de tiro natural. A solución máis sinxela é sempre á mellor e desta maneira aseguramos unha ventilación continua do pavillón, independentemente do subministro eléctrico. Aínda así, que sexa unha solución sinxela non significa que sexa fácil nin rápida. Levounos un día enteiro percorrer os almacéns da capital do país, Lilongwe, para atopar un extractor que se adaptara ao que precisabamos.
Ao final decidimos montar esta semana un segundo extractor no pavillón para mellorar a ventilación. Descartamos a instalación do sistema evaporativo de auga que tiñamos pensado nun principio posto que a baixa presión na rede de subministro obrigaría a montar unha bomba hidráulica específica para o sistema. Con menos dunha semana para o noso regreso non cremos que nos fora a dar tempo a rematar a instalación. No caso de que cos extractores non fose suficiente, na nosa seguinte visita montaríamos o sistema de vaporización de auga.
Este domingo o aproveitamos para visitar o Lago Malawi, o terceiro máis grande de África e unha marabilla da natureza. Polo de agora o lago resistiuse a invasión de especies foráneas polo que sigue a contar cunha variedade de peixes endémica fantástica. O lago conta con máis de 300 variedades da familia dos cíclidos. A pesar de que a seca e a presión humana fixeron descender varios metros o nivel do lago este ano, segue a ser unha das paisaxes naturais máis incribles de África.
Esta semana presentase como a anterior, intensa. Rematar co mantemento informático dos ordenadores e montar o segundo extractor no pavillón de Chezi, na residencia da Área 49 facer a conexión eléctrica da bomba que da o servizo para un novo sistema de aproveitamento de pluviais que acaban de rematar, e unha visita dun día ao hospital de Mlale son as tarefas imprescindibles a realizar nesta semana. Xa temos moito avanzado, xa que o luns nos dedicamos a percorrer de novo os almacéns de Lilongwe e pensamos que xa dispoñemos de todo o material preciso, pero algunha cousa faltará que faga que o tempo se nos faga pouco.
Déixovos como foto desta entrada do blog a vista da que dispoñemos dende a nosa casa en Chezi todas as noites. Ás veces dende o propio país, un non atopa a importancia nin o sentido de determinadas cousas. Dende aquí enténdese perfectamente o que significa a contaminación lumínica.