#OperaciónPangonoPangono2018

#OperaciónPangonoPangono2018

Ola de novo, Pangonos!!

Pangono Pangono, seguimos a desenvolver a Operación para este ano. O coñecido poema Caminante no hay camino…, que escribiu Machado e que tan ben interpretou Serrat, podería servir para definir perfectamente como transcorreu até o de agora a Operación deste ano.

A semente da #OperaciónPangonoPangono2018: a asociación OHANA. Xa vos temos falado desta familia de dentistas cataláns, que logo de coincidir con eles o pasado verán en Chezi, encargáronnos a montaxe dunha instalación solar fotovoltaica para o hospital de Chezi. Querían agradecer ás Misioneras de María Mediadora a hospitalidade recibida nas dúas semanas que estiveron a traballar a reo amañando as dentaduras dos habitantes da rexión de Chezi.

Xa que estabamos en camiño, e como non iamos facer a viaxe para montar unha única instalación, lanzámonos a tratar de conseguir o financiamento doutra instalación solar para a residencia de mozas estudantes da Area49 de Lilongwe, a pesar de que os nosos proxectos soen ser a dous anos.

Iniciado o camiño, volvemos a contar co apoio de Nómadas Motorhome, da comunidade do IES Universidade Laboral e de Llamarada de Fuego, ademais de nov@s Pangonos que se sumaron nesta nova ruta emprendida.

Logo de varias conversas con OHANA e o resto de colaboracións no proxecto, vimos a posibilidade de realizar a montaxe, non de dúas, senón tres instalacións!! (esta última para o Hospital de Mlale). Aínda que nos falta parte do equipamento por mercar, esperabamos poder xuntar o financiamento de aquí ao Nadal, que é cando agardamos ir realizar as montaxes a Malawi.

Como vedes, a #OperaciónPangonoPangono2018 é un claro exemplo de que «…, se hace camino al andar«. Neste caso, da colaboración da OHANA coa Operación Pangono Pangono van saír tres instalación fotovoltaicas para tratar de facer máis levadeiros os continuos cortes no subministro eléctrico que sofre a xente en Malawi.

Co financiamento dispoñible até ese momento, e algo que lle achegamos os voluntarios e as voluntarias da Operación Pangono Pangono, mercamos o material «pesado» para poder cargalo no contedor que enviou para Malawi Llamarada de Fuego a finais do pasado mes de xullo.

Pero que pasou na ruta?? Comentámoslle ás Misioneras de María Mediadora cales eran os plans do noso proxecto para este ano e pareceulles estupendo, pero… coñecida a boa nova, querían pedirnos outro favor. Acababan de recibir unha doazón e querían investila para montar outra instalación en Chezi, ou para os talleres de costura e gardería ou para a súa vivenda. Así, cando xa o camiño parecía pechado, sumamos 2.300 € para a compra de máis material.

Unha instalación fotovoltaica relativamente sinxela, como calquera das que pretendemos montar en Malawi, ten un custo aproximado en material de 5.000 €, dependendo do número de placas a instalar e da capacidade das baterías. Evidentemente, a doazón recibida polas Misioneras non cubre nin a metade destes custos pero…., como dicir que non!!!! A toda présa, posto que o contedor estaba a piques de partir para Malawi, encargamos máis placas solares e baterías para enviar no contedor. En total, enviamos cara Malawi 26 placas solares e 20 baterías, que dependendo da combinacións que fagamos, dan para catro ou cinco instalacións. En canto aos inversores, elementos relativamente custosos pero claves nunha instalación solar fotovoltaica, enviamos polo momento dúas unidades.

Xa vedes, da instalación inicial prevista pasamos a catro ou cinco, que imos ter que instalar nas dúas semanas que temos previsto pasar neste Nadal en Malawi.

Agora toca seguir o camiño, esta vez centrado en acadar o financiamento para o material que falta. Esperamos que aparezan máis interseccións que sumen á #OperaciónPangonoPangono2018.

Seguiremos informando…

… e pedindo a vosa colaboración.

Grazas, Pangonos!!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *