Xa pasou un tempo desde a nosa última visita a Malawi para a entrega da #MiniVan_Area49 e tiñamos pendente a entrada do blog para compartir con vós as novidades e, como non, para agradecer toda a axuda recibida que fixo posible, entre outras cousas, que a tan ansiada Minivan sexa hoxe unha realidade para as mozas da residencia Amai María na Área 49 de Lilongwe.
A entrega da MiniVan. Zikomo kwambiri! Moitas grazas!!

Un dos momentos máis agardados e satisfactorios da nosa recente viaxe a Malawi foi, sen dúbida, a entrega da Minivan ás mozas e misioneiras da residencia Amai María. Este vehículo non é un simple medio de transporte; representa seguridade, autonomía e, sobre todo, a posibilidade de que as mozas estudantes da residencia poidan continuar a súa formación sen os perigos e incertezas do transporte público en Lilongwe. Dispoñer dun vehículo propio permite que estas mozas se despracen ás súas escolas de forma segura e fiable, centrándose no que de verdade importa: o seu futuro e a súa educación, escapando así da discriminación que aínda sofren moitas mulleres en África e noutras moitas partes do mundo.
A entrega do minibús ás Misioneiras de María Mediadora, que xestionan a residencia, foi un momento que gardaremos para sempre no recordo. Ver a súa alegría e saber que esta Minivan facilitará enormemente a loxística diaria e, fundamentalmente, a seguridade das estudantes, é a mellor recompensa ao traballo realizado. Este logro non tería sido posible sen a xenerosidade de moitas persoas, patrocinadores e entidades colaboradoras.
Zikomo Kwanbiri, moitísimas grazas a tod@s polo voso apoio!!
Tecnoloxía solidaria: ordenadores para as misioneiras

Pero a nosa recente viaxe a Malawi non só trouxo a tan prezada Minivan. Grazas á incrible xenerosidade demostrada na campaña de crowdfunding Ordenadores solidarios para Malawi, puidemos entregar tres ordenadores portátiles ás misioneiras. Estos equipamentos van ser esenciais para mellorar a xestión e o traballo diario das misioneiras nas instalacións que xestionan en Malawi, e tamén para apoiar a formación e o acceso á información das comunidades coas que traballan.
- Mlale Community Hospital. Axudando na xestión sanitaria nunha ampla rexión rural.
- St Mary’s Rehabilitation Center en Chezi. Apoiando os seus múltiples servizos, dende o centro de rehabilitación infantil ata o dispensario médico que atende a máis de 20.000 persoas.
- Residencia de estudantes Amai María (Área 49, Lilongwe). Complementando a formación das máis de 70 mozas estudantes que alí residen.
A campaña de crowdfunding Mi Grano de Arena foi un éxito rotundo, superando o obxectivo inicial de 1.500€ ao recadar 1.585€, demostrando, unha vez máis, que cada gran de area conta.
Forza da comunidade

Ningún destes logros sería posible sen unha rede de apoio sólida e comprometida. Queremos destacar especialmente á empresa Nómadas Motorhome, cuxa colaboración foi fundamental para o proxecto #MiniVan_Area49. A súa xenerosidade e confianza no noso traballo, reflectida tamén nas anteriores rutas solidarias de autocaravanas, permitiron que as mozas da residencia Amai María teñan hoxe un transporte seguro e fiable.
Por suposto, sempre estaremos agradecidos á comunidade educativa do IES Miraflores de Oleiros, cuxa VI Carreira da Luz tamén contribuíu de xeito fundamental para que o proxecto #MiniVAn_Area49 puidera terse acadado.
Moi importantes foron tamén todas as achegas recibidas grazas ás campañas de crowdfunding en migranodearena.org, que se converteu nunha ferramenta indispensable para canalizar a solidariedade de moitas de vós nos proxectos da MiniVan e dos ordenadores solidarios.
E como non, grazas tamén a quen nos acompañastes no concerto de Juego Sucio no Bitácora de Santa Cristina. Este concerto non sería posible sen a inestimable axuda de Joaquín, guitarrista do grupo, e da xerencia do Bitácora, que cedeu as súas instalacións para a celebración do estupendo concerto ofrecido por Juego Sucio.
Axuste Gráfico, Fundación Esteban G. Vigil, Asociación Llamarada de Fuego…. Foi moita xente, empresas e organizacións que puxeron o seu pequeno gran (as veces non tan pequeno ?) para ter acadado o que fai un tempo nos parecía unha quimera: Unha MiniVan para a Area49.
Difusión dos proxectos nos medios
A difusión do noso traballo e das necesidades en Malawi é crucial para seguir sumando apoios. Por iso queremos agradecer tamén a todos os medios de comunicación que se fixeron eco das nosas iniciativas, validando o noso labor e ampliando o seu valor. Aquí vos deixamos unha listaxe dalgunhas das referencias en prensa que permitiron dar a coñecer o traballo realizado durante tanto tempo pola Operación Pangono Pangono.
Que pasa na costa
Un minibús bergantiñán para as estudantes de Malawi

La Voz de Galicia
#MiniVan_Area49, solidaridad desde Bergantiños con Malawi
El correo gallego
De Carballo a Malawi para axudar ás estudantes dunha residencia
Diario de Bergantiños
Una asociación con sede en Malpica hace entrega de un minibús a una residencia de jóvenes de Malawi
La opinión A Coruña
Solidariedade e técnica desde a Laboral a Malawi
Novo Reto Solidario: Enerxía Sostible para a Área 49!
As instalacións solares fotovoltaicas que instalamos en proxectos anteriores foron unha solución vital para tratar de paliar os continuos cortes na subministración eléctrica pero as baterías teñen unha vida útil limitada e é crucial substituílas para que as instalacións sigan funcionando.
Na nosa última visita do mes de abril, quedamos abraiados ao comprobar que, a pesar das durísimas condicións, moitas das baterías instaladas, algunha xa hai máis de seis anos, aínda seguían dando servizo aos sistemas solares fotovoltaicos. Foi un testemuño incrible da súa calidade e do mantemento recibido. Pero a súa vida útil rematou. O seu rendemento actual xa é mínimo, deixando a residencia sen electricidade fiable durante os longos e frecuentes cortes eléctricos.
O noso obxectivo é sinxelo e urxente: substituír as baterías esgotadas por unhas novas e máis duradeiras. Con esta renovación, garantiremos que as mozas e o persoal da residencia Amaia Maria volvan ter electricidade durante os continuos cortes na subministración.
Para isto lanzamos un novo proxecto cun crowdfunding en migranodearena.org
? ¡Renovemos a enerxía da residencia Amaia Maria! ?

A vosa axuda é, unha vez máis, fundamental. Cada achega á nova campaña de Mi Grano de Arena para as novas baterías para a Área 49, por pequena que sexa, terá un impacto enorme na vida diaria das estudantes, tal como ocorreu coa campaña dos ordenadores. Animámosvos a visitar a ligazón da campaña e a colaborar na medida das vosas posibilidades.
Dende Operación Pangono Pangono, queremos reiterar o noso máis sincero agradecemento. Cada proxecto é un testemuño do que podemos lograr se nos unimos, «Pangono Pangono» (pouco a pouco), como di o noso lema en lingua Chichewa. Iso si, sen perder o tempo, tal como aconsellaba o gran José Saramago.
Moitas grazas por ser parte desta gran familia!!