Mulleres, nais… futuro.

Mulleres, nais… futuro.

Onte, 14 de outubro, foi o día da nai en Malawi. Aproveita Mercedes Arbesu este día para contar no seu blog a historia dunha nai que, como moitas outras en Malawi, falece no parto. Tamén nos volve lembrar Mercedes a vida que lles tocou vivir a moitas mulleres en moitos lugares do mundo. A situación da muller en sociedades como a nosa ten moito, moito que mellorar, pero noutros lugares non é que teña que cambiar. Simplemente, haille que dar a volta á tixola.

O futuro (mellor) de África está nas mans das mulleres. É preciso o empoderamento da muller, e a mellor ferramenta para isto é a educación. E niso están dende fai moito tempo mulleres fortes (valla a redundancia) como Mercedes, Victoria, Perfilia, Joolly, Shilpa… e moitas outras Misioneiras de María Mediadora, traballando para que as mulleres malawianas teñan a capacidade de cambiar as súas vidas e, de paso, variar o rumbo dun continente enteiro.

De cando en vez é preciso lembrar polo que nos movemos na Operación Pangono Pangono. Ofrecer unha pequena axuda a unhas mulleres empeñadas, a pesar das adversidades, en cambiar o destino dun continente axudando, á vez, a que as nenas e mulleres deste pequeno país africano poidan saír da situación de discriminación e pobreza na que se atopan.

Aproveito e déixovos unha entrevista realizada a Mercedes o mes pasado, nas súas pequenas (e ben merecidas) vacacións en España. Tiven a sorte de coincidir con ela en Madrid. Mercedes, ademais de ser unha gran muller, é unha gran conversadora. Foi un auténtico pracer poder compartir un café con ela, aínda que foran soamente un par de horiñas de conversa. Quedamos en volvernos ver este verán en Malawi. Xa nos tarda en chegar.

Ricardo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *