Di Joaquín Sabina nun dos seus poemas musicados: «…al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver». Difícil resistir a tentación, sobre todo cando un sabe que o regreso a ese lugar vaise atopar de novo cunhas persoas que admira profundamente e, por riba, coa convicción que o esperan a un cos brazos abertos.
Ese lugar é Chezi, un pequeno poboado á beira da estrada que une Lilongwe, a capital do pequeno país africano de Malawi, co fermoso lago do mesmo nome. En Chezi decidiron asentarse as mulleres da orde de María Mediadora a crear a «misión», como a elas lle gusta chamarlle, onde coidan a máis de cen nenas e nenos orfos na propia misión e arredor de 400 nenos máis repartidos polos poboados do arredor de Chezi e a coidado dalgún familiar.
Xa van seis anos que estiven en Chezi por última vez. O dito «parece que fue ayer» cúmprese neste caso na súa totalidade. Debe ser que un está fisicamente lonxe de Malawi pero a mente e o corazón nunha marcharon de alí.
Acompáñanme neste regreso, ao igual que no 2009, Jesús e Manolo. Tamén ven Sandra, que vai ser a primeira vez que visite Chezi e o resto de misións que teñen as Misioneras de María Mediadora repartidas por Malawi. Sandra tenos escoitado centos veces falar de Chezi, dos nenos, do que se vai atopar ao chegar alí, pero como nos pasou a todos a primeira vez que fomos, por moito que che conten tes que velo cos teus propios ollos para poder contemplar e entender (ou pretender entender, mellor dito) todo o que un se atopa ao chegar a Malawi. Por iso lle pedín a Sandra que contara ela a nosa pequena axuda e o que nos imos atopando nesta viaxe. Un non deixa de sorprenderse coas situacións e realidades que un vive ao visitar un país tan distinto do noso como é Malawi, pero contado por alguén que o visita por primeira vez creo que vai ser máis autentico, máis emocional. Máis real, basicamente.
Dúas semanas van dar para facer moi moi pouco pero esperamos escoitar as necesidades «técnicas» que nos transmitan as Misioneras de María Mediadora para pangono pangono (pouco a pouco) tratar de resolvelas. E como outra cousa non, pero necesidades en Malawi hainas todas, imos precisar moito apoio e moita axuda para poder cubrir esas necesidades.
Arrincamos logo coa Operación Pangono Pangono.
Ricardo.
Coidádevos rapaces e rapaza. Estamos esperando novas vosas.